PRESENTACIÓN

 

 

Os cambios recentes producidos nestes tempos de consolidación e afirmación global no mundo da Unión Europea, proporcionan á Educación e particularmente ó Ensino da Ciencia  e da Tecnoloxía unha importancia decisiva.

Dentro  do marco da acción Comenius 3 do programa Sócrates da Unión Europea, vinteoito institucións de dez países europeos (BE, CY, DE, ES, GR, MT, PT, RO, SL, UK) e un consorcio transnacional (CoLoS) estableceron a rede  “Hands-on Science”.

A principal meta da rede “Hands-on Science” (H-Sci) é promover o ensino experimental da Ciencia como unha forma de mellorar a educación científica nos centros educativos  e  a alfabetización científica da nosa sociedade.

A rede H-Sci ten unha ampla tarefa, tentando promover e difundir entre profesorado, centros de ensino e consellos educativos nacionais e transnacionais, prácticas aceptadas e recentemente investigadas no ámbito do ensino experimental da Ciencia e as súas disciplinas. Isto levarase a cabo fomentando o desenvolvemento e emprego de experimentos manipulativos  na aula de tal forma que os alumnos "fagan" ciencia en lugar de estar simplemente "expostos" a ela.

Ó abrigo do proxecto H-Sci estableceuse un grupo de traballo para coordinar unha campaña de relacións públicas centrada no ensino da Ciencia. Estará dirixida a profesores e educadores, centros de ensino e comunidade, Ministerios de Educación e Consellos Educativos, nun intento sistemático por demostrar os beneficios dun emprego xeralizado da aprendizaxe manipulativa da Ciencia. Realizaranse dominios  web interactivos , ferramentas de simulación virtual e laboratorios en-liña de acceso ceibe. Deseñaranse módulos educativos  experimentais e material de apoio de diferentes niveis de complexidade. Produciranse e difundiranse libros de texto e informes, incluíndo versións electrónicas interactivas, en diversos idiomas.

Discutiranse e proporanse ás autoridades correspondentes, cambios nos programas de estudo nacionais en Ciencia en tanto en canto creamos que potencian a efectividade do ensino da mesma. Levaranse a cabo anualmente diversas conferencias e seminarios internacionais, xunto cun número significativo de cursos para o profesorado. Organizaranse  reunións e visitas transnacionais. Novos membros de todos os países da Unión Europea poderán asociarse á rede. A rede promoverá e inducirá novos proxectos de colaboración europeos no ámbito da educación científico-tecnolóxica. Potenciarase a creación de Clubs da Ciencia nos centros de ensino. A Semana/Feira da Ciencia, concursos e outras actividades que reunirán a estudiantes, profesorado e especialistas en educación, centros de investigación, a industria e a comunidade en xeral, serán unha característica notable da rede.

Así pois, gustaríanos invitarte cordialmente  a unirte a nós neste esforzo dirixido ó desenvolvemento da Ciencia, e é por iso que esperamos a túa resposta.

 

Universidade do Minho, Portugal Universidade de Vigo, España

Manuel Filipe P.C.M. Costa (Coordinador)

J. B. Vázquez Dorrío (Co-coordinador)